Friday 17 de May de 2024

Ribeira adecuará a súa ordenanza de inclusión social para dar resposta ás necesidades provocadas pola pandemia


A Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 aprobou no día de hoxe, por suxestión da xefa do Departamento de Servizos Sociais, adecuar a súa Ordenanza de Inclusión social ás necesidades provocadas pola pandemia. Isto terá lugar a través da introdución nesta norma dunha disposición transitoria, de tal xeito que se contemple o aumento, previa valoración técnica, das prestacións aos usuarios que estean motivadas pola actual crise.
Así mesmo, dispúxose a adopción das medidas que correspondan para que tanto o museo municipal como o do grabado e a aula CeMIT poidan abrir xa na fase 2 cos protocolos de seguridade axeitados en
canto aforo, desinfeccións, etc.
Ademais, a Policía Local está incrementando os seus controis tanto no acceso a praias como nos paseos e pasarelas para velar polo cumprimento das distintas obrigas desta fase 1 do estado de alarma.
Dáse a circunstancia de que diversos carteis de prohibición temporal de bicicletas instalados nas pasarelas están desaparecendo de xeito recorrente, o que dificulta os labores encamiñados a que neste tipo de infraestruturas se produza o adecuado distanciamento social.